21 mar 2006

GENARO


Genaro fora un ser fondamente marcado polo malfado. Dende neno perseguírao unha mala estrela da que non podía liberarse. E isto non é só un dicir, senón unha constatación plenamente científica. Non cabe máis que lembrar o primeiro día de colexo, cando os mexos lle escorregaron polos pantalóns curtos de pana xusto no momento de entregarlle a tarefa á mestra. Tamén é sintomática a terríbel persecución sufrida durante toda a infancia por parte dos ruíns compañeiros de clase, que se divertían pintándolle ao pequeño Genaro un mostacho vermello con tinta semipermanente; ou o terríbel acne adolescente que supuraba continuamente inchándolle a cara nunha mueca extraña. Xa logo, na súa madurez, que parecía comezar de maneira ponderada e ditosa, sucedéralle a peor das desgracias. Coma se un demo se lle metera no corpo e non o permitira andar ao xeito nin articular máis de tres palabras seguidas, Genaro arrastraba a súa coita dun lado a outro: namorara, o pobre do Genaro!

Coñecera á Piluca nun vello café-cantante, algo cotroso. Sentado nunha das mesas de formica a tomar un pequeno trago, pois o local non era lugar para opíparas comidas, viuna contonearse no escenario ao son da música dunha pianola chirriante. Foi un intre: mirouna, miráronse, e a frecha certeira atravesoulles o peito. Genaro convidou á Piluca a uns “cacharros”, como diría o seu tío emigrado a Venezuela, e prometeron non deixar de se ver nunca, nunca, nunca.

Viñeron entón días de “quedadas” semiclandestinas e furtivos bicos. Citábanse os amantes nos locais máis atractivos da zona, os menos populosos, por aquelo de non esgotar as existencias, e entregábanse ao pracer de beber sen medida, chuchando zumes vigorizantes, ao tempo que se fitaban apapanatisticamente. Os pequenos tugurios de máis de vinte anos, os establecementos de comida rápida, de recente creación, os restaurantes de postín, premiados en concursos... Calquera recuncho era convertido en niñada de amor!

Ai! Aquel tempo feliz rematou de súpeto, drasticamente, o día no que os namorados acudiron despreocupados ao bar equivocado, que ben podería ser calquera outro, que non había signos que permitisen ventar a traxedia.

Algo así coma unha gadoupa monstruosa ripou a Genaro e á súa namorada da molicie e calorciño daquel, dende agora, maldito local.

- Que che pasa, Berenguela? - sentiuse - Tes carrachos? Ah, son dúas pulgas de nada, agarda, que as esmago.

E esta foi a historia do desgraciado do Genaro, que deus o teña na gloria!