17 jun 2007

GARCÍA

 

García remexíase ansioso na estreita cela, notando polo corpo un rumor de ferro enferruxado, coma grillóns que o amarrasen a unha pesada cadea interna.

Era seguro: sentía nas tempas a chegada inaprazábel da hora da morte.

E, naquel trance, García, repasaba mentalmente outros tempos máis gloriosos, que non máis dignos, escarabellando ben entre os intersticios da súa historia para comprender en que se trabucara.

Lembraba as mañás de estudo en monacal reclusión e as poderosas amizades adquiridas que o obnubilaran nun soño de poder independente. Lembraba á súa xuizosa nai, soberana lexítima do vasto reino que a él ós seus irmáns se lles ocorrera, en mala hora, disputar. Lembraba a breve vida de Rex sen rendir contas e as falsas promesas de condes e bispos. Lembraba, en fin, as meles do trunfo e as ignominias da derrota, coma as secas areas do Além-Tejo empoeirándolle a face.

Pero, a memoria é caprichosa, e o que mellor lembraba García, con insistencia cabezona, eran os libros miniados de esmerada caligrafía, a dura pedra feita forma policromada e, aínda máis, os aromas suaves dunha cabeleira loira sobre línteas sabas, a mornura dos purgazos nunha noite de invernía, a calor das fogueiras polo San Xoan ou os ríos de augardente a escorregarlle polas cavidades da gorxa, elevándoo aquel recordo sobre os muros grosos da súa fría prisión.

Cal ó revés actuara García! E, sen embargo, sabía que a ferralla que agora o fería, por propia vontade, o había de converter en Causa. Él, Garsea, o inconsciente, paradigma da nobreza dun pobo.

Aínda non ben posto o sol, rato común, Don García, perece na rateira na Era de MCXXVIII*, ca boca feita dóce do sabor a purgazos, castañas novas cocidas no leite.

* MCXXVIII da Era dos Césares, que comeza a contar os anos dende o 38 antes da Era Cristiá. Ou sexa: Era de 1128 = 1090 d. C.