23 dic 2009

Palavras de matança... e varios libros interesantes.

Agora que os chourizos comezan a valer ou, polo menos, os nosos, e nótese que para falar da vida da matanza se usa sempre o posesivo da primeira persoa do plural, quizais reflexo do espírito colectivo do asasinato organizado de marraus, un traballo que, en Galiza, hoxe, coido equitativamente repartido por sexo e idade (2), se eludimos o tempo da sobremesa, claro, cando as mulleres han de fregar ou preparar as tripas e os homes botan unha de subastado, é tempo de ordenar, agora que os chourizos comezan a valer, dicía, a modo de miniglosario do limés de sobremesa, precisamente, as novas acepcións de certas verbas descubertas nestes días de coitelos longos.


E, ao falar do porcokilling, non podemos deixar de reflexionar sobre o excesivo consumo de carne na nosa sociedade (3). Claro está que non é equiparábel o sistema industrializado de produción de carne coa matanza doméstica de animais, a pesares de que hoxe comemos de máis, pois matamos tres cochos en lugar de dous “que nos chegaban ben” e rematamos cos chourizos antes do verán, pero non equivale todo isto á terríbel industria da carne, cruel, liberadora de pestes varias e devoradora de recursos naturais, auga e cereais, que poderían alimentar varias veces á Humanidade. Hoxe podemos ser vexetarianos pois gracias ao comercio podemos obter proteínas vexetais de producción biolóxica de distintas castes do outro lado do mundo (mais reparemos no relativo ecoloxismo de consumir mazás da Arxentina ou paté de champiñóns de Alemaña) e, sobre todo, podemos, e deberiamos, producir distintas castes de vexetais na nosa terra, mais non o podían ser os nosos devanceiros, así que non culpemos á Historia da deriva carnívora actual, que ben que Galiza debe a vida á vaca e ao cocho. O ser humano é omnívoro: a carne foi un aporte pequeno da dieta dos cazadores-recolectores do Paleolítico, inferior ao 15% do total, dependendo das zonas, mais un aporte de proteína que era vital, e gran parte da súa cultura, polo menos a que podemos coñecer arqueoloxicamente, xiraba en torno a esta necesidade de cazar: útiles líticos, arte... A carne, segundo a teoría máis aceptada, tamén sería unha das causas do desenvolvemento do noso cerebro, pois a carroña que comían os primeiros homínidos permitiu reducir o enorme estómago preciso para dixerir herbas e follas e empregar as proteínas "sobrantes" en “construír” o cerebro. Non obstante, dende que aprendimos a producir alimentos hai uns 10.000 anos, a especie humana pode ser vexetariana, ou, polo menos, case. Supón un esforzo colectivo e persoal, mais sería realmente revolucionario organizar a produción na Galiza orientada a un consumo alimenticio basado nos vexetais autóctonos e importados (tamén é unha ameaza da agricultura-industrializada moderna a perda da biodiversidade) (4). A min non me parece utópico, quizais porque vivo nun paraíso de transición atlántica-mediterránea…. Mais, hoxe quería falar das sombras dese paraíso, e para orientarse nelas, aí vai a actualización do diccionario galego.

* arxentino: individuo vago por natureza que, de non ter sido polos galegos, desperdiciaría as riquezas do seu inmenso país. O número medio de horas de traballo ao ano na Arxentina é de 1880 aproximadamente, fronte ás 1800 do Estado Español (cuestión diferente é a produtividade) (5). Dirán algúns, claro, que quenes traballan son estranxeiros, pois os arxentinos, xa se sabe, estudiaron todos para psicoanalistas, avogados e dentistas (“y todos tienen un televisor”).
* carraboleca ou petereco: boliña que se fai ca tripa chea de zorza ao final de cada chourizo ca finalidade de cortar esa bola cando se vai coller un chourizo para que o seguinte da ristra quede sen abrir. Hai quen os fai cada dous, hai quen ata primeiro todas as tripas e logo corta os fíos, hai quen apreta pouco e se lle berra “apretai”, hai quen os fai moi longos (vid * medida). É unha tarefa das mulleres mentras os homes enchen as tripas e colgan as varas dos chourizos, rodeada dunha subcultura en tranzo de desaparecer.

* Chávez: alimaña morocha que usurpou o estado venezolano dos seus lexítimos donos: as empresas españolas, coño, “vivaspaña”.

* medida, dos chourizos: dise do tamaño que cada muller lle dá aos chourizos que ata, asunto suxeito, obviamente, ás máis variadas chanzas: “Mengana fainos moi longos, Fulana fainos de todas as medidas”.

* negras: todasputas, pero “que boas están, carallo”; na súa versión dominicana levan aos homes que engatusan ao seu país de vacacións, onde os envelenan lentamente para que morran unha vez de volta a Galiza, xa cos papeis arranxados para toda a familia da rapaza. No coment.

* portugués: trapalleiro que nos vén quitar o traballo, conduce pesimamente e come patacas cocidas; a versión feminina tén bigote. Manifestación infame do autoodio. A carga negativa de portugués e directamente proporcional á urbanización do lugar de residencia de quen utiliza o termo e á proximidade do país irmán.

* rumano: ladrón. Individuo que, a pesares de haber case 700.000 persoas da súa nacionalidade no Estado Español, a pesares de aprender a lingua propia de seguido, a pesares de traballar de sol a sol, é e seguirá sendo sempre un ladrón por culpa dunha minoría de compatriotas seus organizados en mafias.

* Suíza: paraíso do traballo. Seica os galegos que alí se empregaron foron “sempre cos papeis”, igual que a Francia e Alemaña.

* Zparo: morto de fame. “É mellor que nos gobernen os ricos, que xa non teñen que roubar.” Pura “teoría do interese na sociedade” – o "que gobernen os empresarios, pois son os únicos que teñen algo que perder" do liberalismo decimonónico –.


Ai! Agardo con impaciencia a matanza do Outeiro, parroquia de Bolmente, na ribeira do Sil, onde se escoitan sentencias ben máis claras e sensatas: "os facistas non se acabaron cando morreu Franco", "a culpa é da Unión Uropea"…
¡Cantas ideas socialistas son precisas neste país e que desgracia de terreo abonado atopan os predicadores a soldo de Intereconomía Televisión!

1 – A idea da disposición a modo de glosario é dun artigo de George Labika sobre o 11 de Setembro, “Palavras de Setembro”, na obra colectiva: O império em guerra. O mundo depois do 11 de Setembro. Ed. Campo das Letras.

2 – Teresa Moure reseña, para afirmar o contrario, a Bordieu, que “utiliza a matanza do porco como referente para testemuñar as conductas estereotipadas do masculino e o feminino no seu Béarn natal: os homes matan e festexan; as mulleres, no entanto, traballan nunha xeira interminábel.” O libro é: BORDIEU. La dominación masculina. Anagrama. 2000.
 

3 – MOURE, TERESA; O natural é político. Ed. Xerais. 2008.
 

4 – “Os pobos prehistóricos alimentábanse dunhas 1500 especies de plantas silvestres; a agricultura moderna cultiva apenas 80”. En: MOURE, TERESA (op citada).
 

5 – Dato do ano 1994. En: SUTCLIFFE, BOB; 100 imagens de um mundo desigual. Caminho, 2001. É este un libro de gráficos comentados que analizan diversos aspectos das desigualdades do mundo actual.

16 nov 2009

A doutrina do shock.

"Se metía a la gente en la cárcel para que los precios pudiesen ser libres."
Eduardo Galeano
A idea central de A doutrina do Shock. A auxe do capitalismo do desastre, da canadiense Naomi Klein é atacar directamente a concepción de que a difusión do libre mercado vai á par da implantación dunha democracia; e nin sequera dunha democracia ao estilo occidental. Dende o Chile de 1973 ata a invasión de Irak a extensión das desregulacións, privatizacións e recortes sociais no mundo post-primeira-crise-do-petróleo conseguiuse mediante a aplicación dunha violencia explícita por parte do Estado que desactivase, mediante o terror ou o mesmo exterminio, a sindicatos e forzas de esquerda para poder implementar dende os gobernos, elixidos ou xurdidos de golpes militares, as medidas impopulares da Escola de Chicago, o que remata por producir unha violencia inherente ao sistema, moito máis letal aínda que a das salas de torturas: despidos masivos, precarización laboral, xeneralización da miseria.

Esta maneira de aplicar as políticas económicas neoliberais é análoga á terapia de electroshok desenvolvida nos anos 40 en Estados Unidos, experimentos que logo a CIA financiou na década seguinte para aplicar estes coñecementos no estilo de "interrogatorios" difundido pola Axencia de Intelixencia a medio mundo, ao compás da expansión do libremercado. Provocar unha regresión para que o paciente, ou o prisioneiro, proporcione información ou simplemente obedeza non só se aplica aos individuos, senon a sociedades enteiras; e faise conscientemente ["só unha crise -real ou percibida- dá lugar a un cambio verdadeiro. Cando esta crise tén lugar, as accións que se levan a cabo dependen das ideas que flotan no ambiente. Creo que esa debe ser a nosa función básica: desenvolver alternativas ás políticas existentes para mantelas vivas e activas ata que o politicamente imposible se volva politicamente inevitable" Milton Friedman] para crear o clima social que faga que a poboación esté tan atemorizada e desorientada, por unha guerra ou un colapso económico, que a venta do seu Estado ao mellor postor se convirta nun asunto menor ante o impulso da supervivencia, áinda máis, para que as medidas desreguladoras sexan vistas coma a única saída, coma un "tratamento de choque económico", que será "unha amarga medicina" pero curará a enfermidade.

Recentemente, ademais, as cada vez máis numerosas catástrofes naturais, resultado do desatre ecolóxico que acompaña ao capitalismo salvaxe sustentado na utilización dos recursos naturais coma se fosen infinitos, foron aproveitadas polas grandes corporacións, da man de estados conniventes (estados "coorporativistas"), para obter beneficios da reconstrucción, ou, mais ben, da construcción dunha sociedade segundo novos parámetros favorables ao Capital, a tabula rasa soñada polos terapeutas do shock (borrar as mentes dos pacientes para imprimirlles unha nova personalidade; "bombardear países ata devolvelos á Idade de Pedra"), do que a privatización do sitema educativo público de New Orleans tras o Katrina ou a apropiación das costas de Sri Lanka polas empresas hoteleiras despois do tsunami son os principais exemplos. O seguinte paso é que as propias corporacións provoquen os shocks que lles son tan rentables ou que orienten a política dos estados ao mantemento de situacións catastróficas, coma o interese do estado de Israel en manter o xugo sobre Palestina e fomentar a tensión no Próximo Oriente como situacións favorábeis ás industrias de alta tecnoloxía, moitas delas relacionadas coa seguridade e o "antiterrorismo", o 50% das exportacións do país actualmente.

Esta é a lóxica do capitalismo do desastre.

Ao remate da lectura a autora resérvanos unha menxase esperanzadora no medio do caos – o capítulo titulado "O shock gástase" -, ao ver hoxe as ideas cuasi relixiosas dos Chicago Boys rexeitadas en diversos puntos do globo e a moitos dos seus valedores sentados no banquiño dos acusados, optimismo que, quizais, pode verse matizado por algúns acontecementos posteriores ao 2007, ano de publicación da obra, coma o golpe de estado de Honduras, a victoria de Berlusconi en Italia ou a ratificación do Tratado de Lisboa por Irlanda nun segundo referendo.

Naomi Klein ve en Latinoamérica, primeiro espazo xeopolítico en sufrir a doutrina do shock, o maior baluarte de loita contra o sistema*, resaltando como elemento novedoso o enfoque en rede dos movementos populares lationamericanos. Non é casual que o subcontinente fose o primeiro en recuperarse do shock, xa que "a memoria colectiva do pasado, dos shocks de antano, permiten resistir fronte aos novos", por iso un dos primeiros ataques dos defensores do ultraliberalismo é contra á memoria dos pobos, dende os ominosos saqueos do museo de Bagdad á sistémica cocacolonización cultural. Predixo Rodolfo Walsh, asasinado en Buenos Aires en 1977 por escribir unha carta aberta á Xunta Militar na que acusaba ao sistema por ela imposto de causar a "miseria planificada", que en tres décadas as sociedades latinoamericanas se sacudirían dos efectos do terror das salas de tortura e así se cumpre hoxe, en liñas xerais, o desexo dun Allende asediado polas forzas contrarrevolucionarias e son outros os homes e mulleres que avanzan polas grandes alamedas dunha América que camiña cara a súa independencia.

KLEIN, NAOMI (2007); La doctrina del shock. El auge del capitalismo del desastre. Ediciones Paidós. (Accede á ficha do libro e a un interesante vídeo aquí).


NOTAS
* O libro tén unha páxina web propia (http://www.naomiklein.org/shock-doctrine) onde consultar documentos orixinais (coma manuais de torturas da CIA) e outros materiais, froito do incesante "traballo de campo" da autora para ampliar o contido do texto.
* A Tese Política recentemente aprobada pola XI Asamblea Nacional de Galiza Nova coincide con esta visión, considerando aos gobernos latinoamericanos nucleados ao redor do ALBA os principais referentes que se enfrontan á lóxica "mercantilista e imperialista" do capitalismo; así tamén a emenda á totalidade da Tese Política presentada polo EI, elaborada polo compañeiro Antom Fente, coa que tratamos de introducir matices que nos parecen importantes:
Hodierno, os principais referentes neste sentido som as experiências que se desenvolvem em diversos países de hispanoamérica, através de processos onde convergem os postulados socialistas com os do nacionalismo emancipador, na luita por umha segunda independência, desta volta nom apenas nacional – nominal em realidade –, mas tamém social. Estas experiências devem ser olhadas com respeito, compreensom e benevolência até, já que sofrem dia-a-dia os embites das oligarquias locais e as chantages do Imperialismo, através dos EUA com a Doutrina Monroe de fundo, que considera América como o celeiro natural da rapinha usamericana.
Contodo, a ética de esquerdas obriga a nom conformar-nos modelos acríticos e nem Venezuela, nem Bolívia, nem Equador, nem Cuba som panaceias perfeitas nem paraísos. Só desde esta premissa a esquerda ocidental evitará cair numha crise como a produzida após a queda do muro de Berlim. No entanto, todos estes processos merecem o nosso apoio e as nossas saudaçons internacionalistas e parece claro que, neste sentido, a Revoluçom Bolivariana e a Revoluçom Cubana som exemplos de luita, dignidade e resistência, para além de procurar encarnar a utopia e, portanto, executar políticas valentes e decididas de justiça social e exercício pleno da soberania nacional dum povo.

17 ago 2009

POSTENÉSIMONEOTROBADORISMO 2.0


* Escrito por Fermín "O Namorado", o zorro poeta máis garrulo do barrio da Mina, en Sober. 
Desesperábase o Fermín porque nos Concursos Poéticos Ribeiraos celebrados na primavera sempre quedaba en segundo lugar, vencido polas novas correntes poéticas das que el quedou desfasado nos anos-vinte-do-século-vinte, ou por aí.

Na fonte da Mina
o cervo bebía;
prendouse da imaxe
que a auga volvía.
Heite de levar, amiga,
á fonte belida!

Na fonte belida
as aves cantaban.
Cantádelle amores
para namorala!
Heite de levar, amada,
á fonte encantada!

Cantádelle amores
á dona fermosa!
Levádelle lirios,
levádelle rosas!
Heite de levar, señora,
á fonte na aurora!

Prendédelle as flores
no pelo dourado!
Na fonte belida
fico namorado.
Heite de levar á fonte,
“dona de corpo delgado”!