16 ago 2011

AMOR FEROMÓNICO


O Cocho Porquiño Lirón, da familia dos Liróns do Queiroedo - disque o alcume lle vén dun tataravó seu, porco colludo, que sempre quedaba durmido no medio dos actos carnais -, insigne veciño do lugar da Mina, en Sober, encargoume usar as miñas mans humanas para deixar escrito no espazo virtual este seu lamento de amor pola porca Mariquiña, que non lle fai caso ningún dende que o pusilánime marrau abandoou a comunidade libertaria da súa noiva e se prestou a que uns señores moi ben traxeados lle metesen un pequeno papel impreso nun sobre branco e o levasen a metelo nunha furniña de plástico transparente.
Así as cousas, ao Cocho Porquiño só lle queda o recurso á poesía, aínda que, sendo sinceiros, as súas coitas son reelaboradas por Fermín O Namorado - cantos destragos causa o amor! -, o raposo poeta post-enésimo-neo-trobadorista de máis sona do Outeiro de Proendos, do que quizais voltemos, nalgunha ocasión, a transcribir os seus versos.

Aí vai, pois, o soneto titulado AMOR FEROMÓNICO.
* Sede benévolos co pobre porco namorado, que é un pouco clásicón, e tede en conta que os gustos porcinos son un chisco diferentes dos humanos.

A estrume me arrecendes, miña amiga;
a estrume con orballo á fin do inverno.
Estrume, palla verde, margarida...
A gloria me arrecende o teu alento!

A estrume me arrecendes, oh, belida!;
a mexado colchón secando ao vento,
a pozo do purín no mediodía,
a cheirume de silo lamacento.

Orellas con olor de auga chocosa,
legañas verde moco que che escorren,
poutas que de fozar están pringosas.

Dende este meu cortello gris e podre
esquecerme non podo da borrosa
pátina color merda que te cobre.