Leda parola traía o Navos
aquela mañá. Despachaba, abundante el, co dominus do lugar durante o seu
cotián descanso das once mentras o viño corría gorxa abaixo máis veloz cós
carros pola Costa.
- Ao cabo, Ovicus, rendícheste á evidencia: o voso sangue ha facer mixtura coa
nosa estirpe antiga de pretenderdes chegar a Ser...
-
Lémbroche que se o meu Secundo casa coa túa filla menor é un resabio de
simple política provinciana, posta en práctica dende os meus xuizosos
antepasados. Cuestión de aforrar: para que, dime, seguir a dilapidar cartos das arcas
do Estado en belicosas conquistas e sometementos inxuriosos que sementen o
odio podendo chegar a un amaño contigo, caro Navos, e cos demáis poderosos
deste voso territorio? E, por riba, gozando dos salvaxes encantos das mozas lemavi. Ah, Turobia, que cabelos! Tamara, Amaia ...!
-
Bah, excusas... Sangue bo é o que reclamades. Lémbroche que as miñas fillas
teñen total liberdade para foder en quen lle pete. E en cuestión de matrimonium, como vos lle chamastes, elas ben saben que é o máis proveitoso. Se acordou falarlle a algún escuchumizado da túa proxenie, que
sexa para ben! E ti vai mirando que o Secundo procure boas reses, que á miña
fermosa Viea non lle han faltar tres ferrados de terra de labor.
O
balbordo ía en aumento a medida que se achegaba a parroquia a probar o viño
novo, creándose un zunido constante que obrigaba a alzar as voces máis do
recomendábel.
- Vaites, a quen temos o gusto de recibir! - berrou Ovicus - Ave, Fredesindo,
loábel cabaleiro victorioso.
-
Mecagho en Lug e en todos os vosos deuses. Menos retranca! Só veño aquí
quentar a barrigha e non lle molesto a ninghuén.
-
E, que tal vai a “construción” diso que teu pai pretende chamar pobo. Oíche, Ovicus! Seica lle han poñer Villa Egikaz. Nin a falar lles ensinaron aos coitados!
-
Non me fodas, Navos. Seghuirlle o xogo a esta xentuza morocha! Non son eu da
túa mesma caste? Non boto os nabos, coma ti, polos lameiros? Mal fixestes en
amigharvos con morralla de tal calaña á que só lle interesou o ouro e os
enghados das vosas fillas. Faime caso, Navos, a alianza entre os nosos pobos ha
facer cheghar un futuro ghlorioso. Fíxate na túa xente, como prefire larghar
connosco, fuxindo dos tributos que estes empreghan en darlle ghusto ao corpo.
-
Bha, faladurías de bébedo. Non lle tomes a palabra, Ovicus. E ti, dá
grazas que non lle conto ao teu pai como vituperias aos seus anfitrións!
-
Non hai caso, Navos. Os vosos descendentes han bicar o chan pavimentado de
todas as que antes eran carreiras, rendidos ante a superioridade da Roma
aeterna.
- Aí os tés, que arroghancia! Pero caerán os imperios enfanghados no seu propio
bulleiro: pregúntalle onde está Roma agora... - dixo Fredesindo batendo as ás mentras saía voando - .
Era unha mañá de maio e os mosquitos pululaban nas cubas de carballo daquela
taberna da villa Prudentia, encontro habitual de notábeis indíxenas, romanos e de outras
mixturas, coma os novos inquilinos suevos que falaban o latín cun deixe
extraño.