26 nov 2012

Polo dereito a saber a que sabe unha cunca de leite da Morita.


As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA, financiados con fondos europeos.

Hai uns 25 anos, en mañás de inverno algo máis fríos ca este, cando non era día de clase, o meu avó levábame con el no seu mítico Land Rover de carga a recoller o leite polas parroquias de Sober. Chegaba a un lugar (“vai fríu, non!”), sacaba unha cántara, botaban o leite recén muxido, medíao cunha variña azul, anotaba nuhas tarxetas alongadas os litros e o prezo, pagáballe á xente e, así aos pouquiños, xuntábanse bastantes recipientes de leite nas numerosas pequenas explotacións de Sober que daquelas funcionaban.
                                                                  
Tratábase, na práctica, dunha incipiente rede de recollida de leite a pequenos produtores de Sober e outros municipios por parte de Queixerías Prado. Un poder galego digno de tal nome debería ter impulsado a innovación en dita empresa queixeira para que diversificara a súa produción, fomentando a recollida de proximidade, con axudas a explotacións labregas para que se especializaran na produción leiteira, con estudos para a consolidación de mercado... Pero todo se deixou ao arbitrio dos "mercados" e dos “ditados” da UE e a cabana gandeira reduciuse en Sober drasticamente tras o ingreso no Mercado Común, nun proceso análogo a toda Galiza, pero agravado aquí polo maior despoboamento.

Na Galiza actual, o do sector lácteo non é un problema de produción: prodúcese máis que hai vinte anos, as explotacións leiteiras galegas mercaron cuota e modernizáronse, mesmo contra a política da UE que procuraba reducir o potencial do sector. O problema é de organización do mercado: tendo un mercado de proximidade deficitario o leite galego debería ser máis valorado. En cambio, o leite producido na Galiza é mercado polas empresas a prezo máis baixo que o de outros lugares, facendo ruinosa a súa produción. Así, o problema é político: a falta de soberanía política e financeira de Galiza (máis despois do expolio do aforro galego e dos únicos instrumentos financeiros do noso País que eran as caixas de aforro), que non permite desenvolver un sector transformador dos produtos leiteiros no propio País, apostando pola innovación (lembremos que o goberno do PP reduciu o orzamento de I+D+i na pasada lexislatura). Durante vinte anos des-gobernou o PP de Fraga, tendo a disposición as caixas como instrumentos ao servizo da política da Xunta e fondos europeos que puido ter usado para crear un sector leiteiro puxante e non o fixo, e agora tod*s choramos cando a situación do sector leiteiro é desesperada, con prezos que non cubren a produción mentras o cartón de leite se atopa a menos de 50 céntimos nalgunhas grandes superficies.


Que morra o sector lácteo non é só perder milleiros de postos de traballo, senón tamén – en Sober ben o sabemos – perder a verdadeiros axentes de xestión do territorio, as gandeiras e gandeiros, poñendo aínda máis en risco medioambiental o noso rural, e deixar esmorecer a vida do mundo galego rural, deixando ás sociedades indefensas, sen continxentes de xente moza que loite por servizos cada vez máis escasos (reducen as prazas médicas, eliminan aulas en infantil e primaria…), re-convertindo pola forza a rica cultura rural en xantares mastodónticos en polideportivos o día da festa dos avós, condenándonos a unha agonía visíbel que nos enche de dor o corazón.


Podemos producir e facelo cun modelo que reduza os custes ambientais e mellore a calidade do leite. Podemos acadar a soberanía alimentaria do noso pobo e contrubuír así dende Galiza a un dos retos da Humanidade, cando cada vez menos compañías transnacionais controlan a produción alimentaria, mentras se perpetúa a fame. Hai, a nivel mundial, unha vontade de exterminio do campesiñado, sector social que pode protagonizar unha rebelión contra o este inxusto sistema global: se o campesiñado e os pobos non controlamos o noso sector alimentario básico, dominarannos totalmente, a nosa vida dependerá do lucro duns poucos. E iso é internacionalismo, non o mercado "desregulado". Así, o estado do sector lácteo galego e a valente resistencia que están a desenvolver gandeiras e gandeiros hai que enmarcala nesa loita mundial pola soberanía alimentar, que é unha loita pola liberdade e a dignidade humana.


E, de todo aquilo da recollida de leite, que queda agora en Sober? As famosas cántaras onde se gardaba o leite, agora reutilizadas coas pinturas que ensinan a facer nos cursos de manualidades que organiza ASAJA financiados con fondos europeos, que manda moito carallo. Metáfora perfecta e perversa da evolución do País neste último cuarto de século. 
En Sober afogaron o sector leiteiro, non permitades que pase o mesmo noutras comarcas leiteiras galegas. Porque os nenos e nenas galegas do rural teñen dereito a saber a qué sabe unha boa cunca de leite da Pinta ou da Morita, teñen dereito a saber o que vale unha vaca.

25 nov 2012

Xogo de nen@s...


Pepe chamábase o pai,
Pepa, a muller.
Eles tiñan un filliño
que se chamaba Pepiño.

- Silencio, hostia! Non se pode escoitar o fúbol nesta puta casa, ou que?

- Shhh, ide xogar á habitación.

 “Xabi por la banda derecha, continúa, esquiva a...”

TRUC-TRUC-TRUC

- Merda! Non podes facer iso despois?

- É o lavavaixelas, cariño.

- Nin lavapratos nin deus que te pariu, estou a mirar a tele.

PIP-TIC. OFF.

- Si.

“Fueeeeeeera de juego…”

Melchor chamábase o pai,
Melchora, a muller..
Eles tiñan un filliño
 que se chamaba Melchoriño.
¡PLAS!

- Buaaaaah...


- ¿Que dixen, carallo? SILENCIO. Préndelle o consola e que deixen de foder, xa. ¿Non sabes atendelos?


- Buaaaaaaa...

FICH- FUIC- FUICH –FICH. Tiririririri riri.

- E pecha a porta.

“ GOOOOOOL de Iago...”

- Trae unha cervexa. Fría.

CHAC. FFFFFFFF. GLO,GLO,GLO…

- Esta fervendo, rediola.

- Non deu tempo a quecer, metina hai pouco no...

- NON ME REPLIQUES, CONA QUE TE BOTOU!

PLAS – PLAS – PLAS

(                                                                                     )

“Minuto diez de la segunda parte. ¡Que partido, señores, que partido! El Celta se juega el ascenso en el día de hoy y…

Cabrón chamábase o pai…

11 nov 2012

Rap do Sil




Da aldea, non lonxana, non fumegan
as tellas desas “mixtas” que poñían
cos cartos da augardente - quen os dera! -
nas casas neo-indianas dos setenta
a boa xente de Anllo San Martiño
no tempo de soñar e das quimeras.

E un sapo mormeiro que moraba
na poza da fervenza mutilada
non dixo nin cro-cro e pasou do tema:

- Quen anda por aquí a perder o tempo,
a disturbiar con ruído a madrugada
alén dos mil estoupos da ribeira?

E foi así que, enriba dunha cepa,
se fixo medio ouvir unha prosmeira
voz, levísimo lamento:

- Quizais eu non debera revirarme
a cara descuberta contra o medo
que queren impoñeren os de sempre
valéndose do riso dos lacaios,
roubándonos o pan, mentindo á xente.

Quizais non debería sentir noxo
de ter no consistorio empoleirada
a parentela toda dos fascistas
que andaban polas noites de ruada
facendo da ribeira un acubillo
dos homes e mulleres descastadas – din – ,
aquelas que raparon en Proendos
- ou foi un soño e nunca pasou nada? -;
que a N-A-D-A é o máis certo que nos queda…

Quizais sexa verdade que as mulleres
só levamos as hostias por querelas,
que é que “somos todas unhas putas”,
que non sabemos ser unhas señoras
que escoiten e non digan o que miran:
que todo rula ben nesta verbena!

Quizais non sopra o vento polo inverno
ripando as uralitas das chabolas;
quizais non coce a fame a lume lento
a raiba acubillada aló no peito
de quen por ter non ten nin o seu nome,
perdido nas andainas do deserto.

En fin, debera ser máis compracente,
embebedar en viño as miñas lerias,
deixar facer o mundo á súa maneira…
Unámonos na festa decadente!
Fodamos mentras cae Radio Alemaña!
Que nos importen ren as “preferentes”!

O Sil dorme no sono das barraxes,
domado e enlamado e cheo de lixo:
nin hai onde meter tanta chatarra
nin hai tanta chatarra que servise,
xuntándoa así con gran creatividade,
para chimpar o encoro que nos xungue
ao pobo da incerteza e a levidade.

E aquel sapo mormeiro da fervenza
abriu moi ben o papo e foi tragada
a mosca que no Sil así cantaba.

10 nov 2012

Noticias verídicas do tempo Cuaternario (II).



II. Canto III

- Vai chover, ouh?

- Nah... Engana moito.

- Mire, eu andáballe buscando a Ítaca. Sabe cara onde queda?

- Siga dereito hasta o cruce. Logo, á esquerda, e enseguida enghancha ca general. E dalí elle cousa dunha carreiriña dun can.

- De acordo, grazas. E saúde.

- Toma un viño?

- Non, non, levo presa.

Do Verdadeiro libro da vida de Terence Fox, Canto III.