11 dic 2013

Helena Miguélez Carballeira: Galiza dende a óptica de xénero e decolonial


Interesantísimas as análises de Helena Miguélez-Carballeira no seu estudo da imaxe da identidade galega, dende un punto de vista de xénero e decolonial.
 
De como a identificación da nación cos estereotipos femininos, co sentimentalismo particularmente, busca un efecto desmobilizador político, colonizador.
 
Lembrando sempre que hai que entender as definicións sobre as características dun pobo como produto dunha dialéctica histórica, entender por que xurdiron nun momento histórico concreto, e cuestionalas criticamente. Por exemplo, o feito de que para Galiza se puxo énfase no seu suposto carácter "manso" e non na historia secular de loitas socio-políticas.

Ao fin, a imaxe do país na literatura é a dunha Galiza feminina que está ben para ser adorada, pero non como suxeito político.

Magnífica entrevista de Galiza Ano Cero. Non a perdades, en serio.

http://www.galizaanocero.tv/entrevistas/helena-miguelez

21 nov 2013

Santa Cecilia: patroa da música?


Santa Cecilia, ou "patroa d*s músicas", é máis ben o día na que a xente que toca nas bandas sae por aí a desbarrar e dalo todo.

Pero, por que é patroa da música - especialmente da sacra-, d*s músic*s, cantantes e organistas e de fabricantes de órganos e de instrumentos de corda?
Tocou un instrumento? Non. Gustáballe a música? Non.

Santa Cecilia de Roma foi supostamente unha moza patricia obrigada a casar cun mozo ao que convertiu ao cristianismo na noite de vodas, polo cal ambos foron condenados a morte.
 
Seica se salvou de morrer polo vapor e cando lle cortaron a cabeza, fallaron tres veces e sobreviviu tres días co pescozo a medio rebanar - curiosa maneira de ser protexida por Deus -. Co tempo, extendido o seu culto, chegou a haber cinco cabezas da santa diseminadas por aí.

O seu patronazgo da música apareceu a finais do século XV e por culpa dunha malinterpretación. Segundo a lenda, cando ía camiño da casa do seu forzoso noivo, ao son de instrumentos musicais, ela invocaba só no seu corazón a Deus, pedíndolle conservar "inmaculados" (sic) o seu corpo e corazón. Así que, como di Louis Réau, que é un gran sabio sobre santoral e simboloxía, "ela tería sido antes melófoba que melómana".

Así que, músic*s: cando celebredes Santa Cecilia pensade nunha rapaza forzada a casar, como tantas outras en tantas culturas patriarcais. Se queredes celebrar a música, conmemorade ao deus Pan grego.

13 ago 2013

De papeiras e rabudas dende unha fenda do Tempo (I)


Foto de estudio, Sober.
Historia(s) de xénero das terras de Lemos e Chantada

Artigo para a Voz do Agro.

Dende as terras de Sober, Chantada apenas é o monte do Faro divisado ao lonxe; un lugar case mítico e, tan lonxano, que para expresar que alguén ten moitas relacións sociais dise del que “coñece ata aos cás de Chantada”.

Alá no Faro dicíase que se xuntaban as bruxas para repartiren o mal, un “parlamento de meigas” da nosa tradición oral que, ás xeracións nadas nos 80, non pode máis que lembrarnos aquelas romarías mastodónticas do fraguismo. Nós, as da xeración do chándal de “táctet”, xa temos case en nebulosa aos grupos tradicionais tocando na gaita a muiñeira de Chantada, pero iniciámonos na música nas bandas populares que sobreviven – e nunca mellor dito – nas vilas de Sober e Chantada.

Únenos, pois, ás xentes de Chantada e de Lemos, a música, e únenos tamén unha orografía xurdida de fracturas tectónicas, un magnífico románico, testemuña do esplendor da zona na época pleno-medieval, e a cultura do viño. E esta unidade esencial faise riqueza nos detalles: un val fronte a unha penichaira, unha ribeira máis escarpada nas zonas esquistosas sobre as pizarrosas, adegas entre as muras para que o viño se faga primeiro na propia viña, se falamos de Chantada, inchadoiros e colados ata onde se carretaban as uvas para levar directamente á adega da casa, ou de cerca do lugar, se miramos para Sober.

Pero temos unha cultura común ribeirá, un mundo de relacións socioeconómicas que se desenvolvían por e para o río, sepultado e roto polos encoros dos 50' e 60', o suposto progreso que amañou os problemas de apagóns en Madrid – no caso da central de Belesar – e quitoulle a moita xente as mellores terras por catro patacos. Xúnguenos, así, a Sober e a Chantada o trauma de termos lugares asulagados!

E deste xeito, as ribeiras outrora cheas de vida e refuxio de escapados despois do golpe militar do 36, ficaran conquistadas. Emigración, despoboamento, avellentamento... Fríos datos demográficos esquecidos en despachos – en Sober a proporción de persoas maiores sobre persoas novas é de 10 a 1 - nunca tan ben definidos como o fixo a poeta escocesa en gaélico Meg Bateman: morren vellos que sabían dicir cousas que non podemos dicir en inglés.

Imos falar, pois, de nós, de “papeiros e rabudos”, habitantes da zona de Chantada e da de Lemos, respectivamente. Explica Xosé Manuel Vázquez Rodríguez no seu documentado libro Historias dos papeiros e rabudos que, segundo lle contou un veciño de Outeiro en Pesqueiras, aos de Chantada se lles di “papeiros” por seren cristiáns ou “papistas”, mentras que os de Lemos somos “rabudos” por sermos “rabinos”, é dicir, xudeos.

Muller nun canzorro da igrexa de Requeixo, Chantada.
Quixeron homoxeneizarnos co de “Ribeira Sacra” - apelativo afortunado, pero invento basado nunha confusión histórica -, mais a riqueza e diversidade das comunidades galegas sobarda toda denominación turística. Dende A Voz do Agro, abrollo esperanzado dende esta fenda penedía da Galiza, dende este mundo entre detido e metido de súpeto na centrifugadora da Historia, dende esta periferia interior, preténdese, coa investigación e a reflexión, atopar esa unidade na diversidade destas comarcas do sur lucense; atopármonos no pasado común, nos problemas comúns e, conseguintemente, no común das solucións.

Haberá ocasión aquí de escribir sobre as terras limesas e as dos papeiros de Chantada, do mítico lugar que, segundo o dito popular, lle puxera nome o demo cando, estando de viaxe por Galiza, e levando a costas á nai, en chegando a onde agora está a vila, o demo tirou con ela ao chan e espetoulle: —Aí quedas chantada!

Permitirédesnos facelo dende unha perspectiva de xénero, dende a reivindicación da(s) Historia(s) das papeiras e rabudas que construíron o que fomos, o que somos e o que seremos.

4 abr 2013

Tecendo Anova desde abaixo e á esquerda

Non se entende Anova sen a súa aposta por procurar frontes amplas e a unidade de acción na esquerda e o nacionalismo emancipador.

Opinión dun grupo de mozas e mozos de Anova 
Publicado en: Punto de Encontro.


1. É notorio e non cousa de agochar – por ser indicativo de que Anova é unha das organizacións políticas máis abertas que coñecemos – que se está a dar un debate interno no proceso da primeira Asemblea Nacional non exento de posicións diverxentes. Non podía ser doutro xeito nunha organización plural, que pretende ser unha ferramenta para a transformación de Galiza e para a liberación social e nacional das galegas e dos galegos.

Non se agardaba menos dunha asemblea nacional constituínte, celebrada o pasado 14 de xullo, onde se postergaron debates en nome da autocontención e primando a construción dunha nova ferramenta, un medio e un fin para alcanzar a Galiza soberana, socialista e republicana que queremos.

Os puntos en común acordados son breves e fundamentais: radicalidade democrática, modelo social en defensa dos intereses populares, a ética na política, a busca de amplos consensos internos recoñecéndonos nos principios básicos e evitando no posíbel a dicotomía maioría/minorías a que leva a polarización e as decisións por maioría simple... Pasado máis de medio ano e cunhas eleccións polo medio –en que Anova, xunto con xente non organizada politicamente e que colaborou na campaña, foi o compoñente imprescindíbel do éxito da coalición electoral que se converteu en terceira forza política galega-, cómpre perfilar o que somos e retomar con calma debates que non puideron darse na constituínte, ou que se deron sen o tempo necesario para afondar neles; noutras palabras abrir todos os debates á luz do empeoramento da realidade social, que daquela describíamos xa como dramática, e coa vontade de sermos unha ferramenta que contribúa para unha hexemonía na esquerda que permita frear as consecuencias das políticas procíclicas de falsa austeridade.

Debate que se ten que centrar en cuestións políticas, tanto no ámbito político como no organizativo, tanto en cuestións de política externa (alianzas, actuación nas institucións e na rúa) como en cuestións de política interna (determinación daquelas cuestións que quedaron pendentes ou que suscitaron debate). Entender a política como mecanismo humano de resolución de problemas implica realizar unha análise previa deses problemas, xa foran pretéritos, presentes ou futuros. Análise que posteriormente se ten que traducir en propostas claras e ben definidas. Precisamente debe ser nesta primeira Asemblea Nacional onde todos e todas as integrantes de Anova resolvamos eses problemas cuns documentos político – organizativos que nos marquen o camiño a seguir durante os vindeiros dous anos.

2. É pois, cremos nós, o momento de definírmonos como unha organización da maioría social, que contribúa a alimentar o movemento social (sen tutelas de ningunha caste) e actúe na instancia política a prol dos intereses populares. Unha organización que facilite a participación do maior número de continxentes da xente do común e non apenas de quen xa pululamos polas organizacións políticas. Non queremos, pois, ser unha suposta vangarda da sociedade, senón o motor político dun proceso de transformación social cara unha sociedade xusta por e para o pobo galego.

Os movementos de transformación necesitan tempo para xestarse, para acumular forzas... as esquerdas social e institucional deben alimentarse reciprocamente como a experiencia latinoamericana nos sinala. A sociedade civil avanza e gaña en coherencia e cohesión se desde as institucións se facilitan as súas loitas. Precisamente no último FSM en Tunisia falouse de “nova cultura política”, de participación, de democracia e do aínda necesario papel das organizacións políticas transformadoras, é dicir, da esquerda non resignada. As organizacións políticas evitan ser fagocitadas polas peaxes institucionais se son capaces de actuar de acordo coas arelas da sociedade civil máis consciente e organizada, se actúan en sintonía cos movementos sociais, se acompañan sen tutelas á sociedade.

É o momento de afortalar e mellorar unha organización radicalmente democrática, afondando na horizontalidade do debate nas asembleas locais soberanas e da comunicación en rede, todo isto para poder tomar e asumir decisións colectivas sobre cara onde imos.

É tempo de desenvolver moito máis os grupos de traballo como eido de apertura total á participación social – neles poden participar e participan persoas non militantes – desde onde xerar alternativas políticas que poidan artellar un verdadeiro programa político con medidas programáticas para o noso País.

É o momento de traballar para que a participación da cidadanía nas institucións sexa a norma, sendo altofalantes da mobilización social e retroalimentándoa dende o Parlamento; traballando no eido local dende e por unha práctica deliberativa e asemblearia.

3. É a hora de acelerar a acumulación de forzas na esquerda, de sentar as bases para unha conformación dun novo bloque histórico hexemónico que poña porriba as persoas e a cidadanía da bancocracia e a debedocracia. Temos a ocasión, e o deber, de abandonar as simplificacións maniqueas, a falsa disxuntiva – falsa por non darse no seo de Anova - entre os que supostamente “queren volver á casa matriz do BNG” e os que “apostan por AGE”. Segundo esa liña argumental ambas cousas son excluíntes e esa non debe ser a postura central no debate destes días, máxime cando non se entende Anova sen a súa aposta por procurar frontes amplas e a unidade de acción na esquerda e o nacionalismo emancipador.

O que hai, ao noso ver, é a dicotomía entre sermos un actor político autónomo ou en deixar selada para todo e en todo lugar unha coalición determinada. Por outras palabras, termos unha concepción dinámica do frontismo, de xeito que este se artelle en todo momento tendo en conta os nosos obxectivos estratéxicos e a hexemonía social que debemos artellar para alcanzalos; ou termos unha concepción inmobilista aferrollando o papel historicamente dinámico e dialéctico das frontes na esquerda. Do mesmo modo, as “correntes” internas deben ser igualmente móbeis, respondendo ao contexto no que teñen vixencia, o que non será posíbel se caemos en vellos esquemas de "antagonismos internos" e os reproducimos en Anova, pois o subproduto probábel deste enfrontamento sería un reforzamento dos partidos preexistentes non extintos, que ameazaría con anquilosar a organización.

O reto que nós cremos fulcral é sermos tamén Anova no marco das relacións internacionais, na necesidade de unir a esquerda europea (social e institucional) pola Europa social e das nacións porque neste momento non existen “solucións nun só país” óptimas. Debemos reforzar e recuperar o internacionalismo.

Non temos os ollos postos pois, especificamente, en ningunha forza política. Nin nos que acreditan ser depositarios das esencias do nacionalismo (e confunden un sentimento cunha ideoloxía) nin nas “forzas estatais que recoñezan o dereito á autodeterminación”. A fronte ampla ten os únicos a priori na esquerda e na oposición na praxe ás políticas procíclicas de austeridade que esmagan a maioría social e aos pobos.

Temos as nosas esperanzas e arelas colocadas nun proceso de creba democrática co réxime da II Restauración borbónica e nunha alianza da esquerda europea – e mundial – contra o fascismo financeiro. Nós acreditamos que ambos procesos os liderarán – á par da esqueda social máis consciente - as forzas rupturistas, como Anova, Syriza, Bloco de Esquerda, as CUP, Bildu, Die Linke, Front de Gauche... que axudarán ou obrigarán ás forzas políticas que seguen a ser pequenas patas do sistema a reconvertérense en ferramentas útiles para o novo escenario estatal, europeo e mundial (ou no seu defecto a desaparecer).

4. O proceso de debate para a Iª Asemblea Nacional de Anova permítenos achegar estas nosas inquedanzas, por ser aberto e fundamentarse na democracia participativa e deliberativa: a.- comisión redactora moi plural e aberta a toda a militancia de case medio cento de persoas; b.- proceso previo de achegas aberto a toda a militancia; c.- primeiro proceso de debate nas asembleas locais e de base dun rascuño de teses; d.- asemblea deliberativa e aberta a toda a cidadanía; e.- redacción dun novo rascuño de teses tendo en conta as achegas e os debates xerados; f.- volta ao debate nas asembleas de base e debate e aprobación dos textos definitivos no plenario resolutivo da I Asemblea Nacional...

Esta I AN de Anova-Irmandade Nacionalista será, xa que logo, un novo punto de partida para o debate e para testar a eficacia das nosas teses na praxe da nosa organización e nas demandas e opinións da cidadanía. Desde esta metodoloxía (desde a transparencia, o debate e a participación), evitando as innecesarias polarizacións, é como Anova pode construír unha nova cultura política facendo a un lado os vicios e erros cometidos polas organizacións tradicionais da esquerda. Con acertos e con erros, con encontros e con desencontros. Só así podemos dar coas chaves, chanzo a chanzo, para reverter o perigoso descrédito da cidadanía na política (e xa non digamos nos partidos e os seus aparatos e até na democracia), necesaria para transformar o mundo e para frear a emerxencia de populismos ou do Fascismo 2.0 nestes violentos anos 10.

Acreditamos, finalmente, que é o tempo de asumir os enormes retos e as responsabilidades que temos como forza política rupturista con ansia e vontade de ser capaz de aglutinar a unha grande maioría social disposta a trocar o mundo. Porque outra Galiza e outro mundo son posíbeis e necesarios.


Paula Vázquez Verao, moza que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de Sober.

Inma Castro González, militante moza en Anova-Irmandade Nacionalista de Cambados.

Ricardo García Caneda, mozo que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de O Grove.

Jorge Pérez Árias, militante mozo de Anova-Irmandade Nacionalista de Lemos.

Bruno Esperante Páramos, militante mozo de Anova-Irmandade de Compostela.

Xoán García Segade, militante mozo de Anova- Irmandade de Compostela.

Isidro Davinha, militante de Anova-Irmandade de A Coruña. 



Antom Fente Parada, mozo que milita en Anova-Irmandade Nacionalista de Chantada.


Héctor Rodríguez Vidal, militante de Anova-Irmandade de Vigo.

16 mar 2013

Historias "dos antigos dantes" (III): a gran transformación.


“... un lustro de nuestros días equivale
a un siglo de nuestros abuelos.”
Abad de Santillán, 1970.

Cando a María da Cortesa viu funcionar unha televisión por vez primeira na casa do Cabarco non se lle acordou outra cousa, tan atenta como era, que preguntar: “E logo a esa xentiña daí, non haberá que prepararlle algo de comer?”

A María da Cortesa, sen ela sabelo, era exemplo vivo do gran cambio social que experimentou a Humanidade nas décadas posteriores á IIª Guerra Mundial e que mudou para sempre ao planeta e ao ser humano. E é que ela nacera nun mundo campesiño non moi diferente ao dos seus antigos de séculos atrás e morreu cando un seu neto estudaba para enxeñeiro na Escola Superior de Informática de Ourense.

Erick Hobsbawn, tamén el testemuña dun século enteiro, describe o periodo dos “anos dourados” do capitalismo (1945 - 1973) comos os da “Gran Revolución Social”, caracterizada pola extinción do campesiñado – nas periferias alongado ata os 80 -, a explosión da poboación mundial, a urbanización, a diversificación e atomización do proletariado, a distribución de bens de consumo non perecedeiros entre as masas, os avances exponenciais da ciencia e da tecnoloxía, cada vez máis aplicados á vida diaria, os pasos dificultosos e firmes, pero insuficientes, cara a emancipación feminina ou a universal e fulgurante “privatización da existencia”. Pensémolo ben: de non saber o qué era unha televisión a que o “estás bébeda Shue Ellen” pasara a formar parte da cultura popular mediou menos dunha xeración. Houbo xente de Proendos que viviu a explosión de subversión e creación comunitaria dos entroidos dos anos trinta e chegou a coñecer a paparraxada de Entroido institucional organizado polo Concello nos 90.

As xentes que viviron a cabalo entre un mundo antergo, con raiceiras claras no periodo de domesticación de prantas e animais hai uns dez mil anos, e un mundo movedizo, globalizado e, por veces, deshumanizado, non sempre se souberon adaptar aos cambios. Comprendede a actitude, entón, das familias que, na Chapela dos cincuenta, se vestían de domingo para ver “o parte” na televisión. O desarraigo destas xeracións de transición, a cambio, deixounos anécdotas ben paveras, dun “realismo máxico” sublime, coma a da tris-avoa dun rapaz de Casares que cando a cadeliña Laika foi enviada ao espacio exterior e o feito coincidiu cunha tempada de choivas coma nunca se vira, dira en dicir toda circunspecta: "ai, Diosmiu! Os rusos mandaron a cadela para alá arriba, abriron un buraco e agora chove seguido."

15 mar 2013

Herdeiros pola forza

   
“Entrado o século XXI, o patrimonio arqueolóxico galego segue en mans de burócratas e expertos que secuestran a información, titorizan o acceso ao patrimonio arqueolóxico e adoptan unha actitude paternalista infravalorando a acción dunha sociedade civil que ten todo o dereito a reclamar o seu papel na xestión dun patrimonio que é de todos”.

AYÁN, XURXO e GAGO, MANUEL. Herdeiros pola forza. Patrimonio cultural, poder e sociedade na Galicia do século XXI
O Milladoiro, Ames: 2.0 Editora, 2012.
Colección: supertextos. No. 12.

Paula Vázquez Verao

Herdeiros pola forza, como os propios autores o definen, é un libelo que, como tal, golpea o corazón e solivianta o espíritu das persoas amantes do Patrimonio, da nosa “herdanza cultural” en sentido amplo.

Defenden Xurxo Ayán e Manuel Gago unha filosofía radicalmente democrática da xestión patrimonial e da construción do discurso histórico, dende a investigación – aberta á cidadanía – a unha divulgación para o común da xente, que bote man sen complexos das ferramentas que as TIC ofrecen para poñer o coñecemento ao servizo da maioría social.

Cun toque retranqueiro e hilarante – as posibilidades de esmendrellarse da risa son ben altas – fan unha semblanza dos modelos de xestión do patrimonio galego dende o século XIX e analizan a situación actual, herdada dunha victoria fascista e dependente dunha administración caciquil, cutre e desconectada da sociedade á que debería servir.

Herdeir@s tamén é unha homenaxe a tod@s aquel@s “toliñ@s” que andan á procura de tesouros nos penedos, entre toxos e silvas, a quen loita contra as desfeitas da administración teoricamente encargada de velar polo ben común da herdanza cultural recibida, ás asociacións e colectivos que “enchen os ocos” que deixa o poder.

E podemos lelo, ademais, coma un tratado de antropoloxía da Galicia do século XXI, toda unha análise sociolóxica de como se fan as cousas neste País no que desaparecen os castros. E isto exemplificado nunha recua de personaxes, arquetipos de persoas que, en torno ao Patrimonio, se nos teñen aparecido, ou que mesmo somos nós algunha delas, quen sabe.

Estas páxinas son, sen dúbida, unha contribución democrática fundamental ao facer País, ao construír dende a postura exercente de cidadanía crítica, ao poder sermos Nós nun dos recantos do mundo con maior cantidade de patrimonio perdido polas carreiras.

Cando rematas de ler, quédache unha idea moi clara: “estes dous tipos saben ben do que falan”. E saben o que queren. Teñen un coñecemento do noso País, unha visión global e unha idea clara do que debe ser a participación da cidadanía na xestión do Patrimonio e na re-construción do noso pasado.

Dos distintos artigos recoñécese moitas veces quen é o autor, mais outras non, parecendo froito dunha simbiose Ayán-Gago, arqueólogo-divulgador científico, interior-costa, que resulta arriquecedora e se reclama máis frecuente no eido da arqueoloxía en Galicia.

Herdeir@s, publicado en febreiro de 2012, xa está a circular entre as asociacións e personaxes coidadoras do patrimonio galego co prurito que se sinte por unha obra clandestina. E abofé que é revolucionaria, pois xenera complicidades, identifica problemas que un amplo abano de xente entende como comúns, contribuíndo a crear unha rede, unha arañeira que se artella por debaixo da epiderme de parálise institucional que rodea o Patrimonio en Galicia.

E, así, sentimos que Herdeir@s é un proxecto vivo, noso, un programa cívico que “une”, un alegato en favor de exercermos como pobo o deber de “merecer” o Patrimonio para legarllo ás vindeiras xeracións e, de paso, para sermos máis Nós e máis felices.

8 feb 2013

Historias "dos antigos dantes" (II): Lagadores.

* Vid Historias "dos antigos dantes" 1. 
Esgrafiado en Momelle, Gundivós.
O conto como é, Lagadores é peculiar... coma todos os sitios!

Eu vivín toda a vida aquí en Lagadores, no lugar do Boco, agás os nove meses da mili, que non din librado por tolo, aínda que mo fixen. Leváballe as mandas ó cura, que quedara de firmar que eu estaba esento pero, como lle pillei o escondrixo das queridas, fíxoma pagar! Condenado! Había que lle bicar a mau pero, carallo: e se a traía dos collós?

Imos ver. Lagadores é un pequeno val lamacendo e enfermizo. Vés baixando dende a costa de Esfarrapa e xa percibes coma unha sensación de lugar irreal, tal é así o efecto das gallas do bosque galería que abraza o regato da Ferreira.
As casiñas desenvólvense ao redor do pequeno altiño da igrexa, en varios núcleos pouco afastados, a cada cal máis enlamado; menos a zona da Porqueira, que é máis encosta e vai por libre, mesmo tiñan festa separada en tempos. E capela.

Domina o conxunto, polo sul, o monte do Castro vello, onde din que había unha pedra que dicía toda a vida: "El que la vuelta me diere, gran tesoro él tuviere". E a xentiña aínda contaba hai pouco que o Ramón do Neiro a volteou lla pedra dixo: "Válgame Dios e alabado, que xa estou do outro lado". Historias pero, comprende ben: Lagadores é lugar de néboas e bulleiro, e a imaxe física do bulleiro a pé da porta ata os mesmos anos 80 imprime carácter, que lle vou contar!

Era zona de boa pesca, Lagadores. Pero iso era antes, cando eu era rapaz, que non se daba a basto cos cangrexos, mesmo aparecían cando nos bañábamos na poza da Ola. Aínda lembro pillar as troitas nas cachopeiras do campo da festa. Que ben sabían na brasa!

En Lagadores non houbo nunca industria moderna de caste ningunha, salvo un ferreiro en Pousada medio cego que herdara o oficio do seu pai. Tamén funcionaron catro muíños en tempos. No da Porqueira, que era de casa de curas, tiñan que embalsar auga para facelo andar nas épocas de seca. Porque Lagadores é un sitio de contrastes: ou apenas tes auga pra beber no vrau ou desbordan os regatos polos camiños!

Camiños barrentos e vacas era a estampa típica de Lagadores ata que veu o da Unión Uropea lla xente se deixou do leite.

Eu andaba decote cas vacas, pero fun estudiado tamén na casa da Lama polo señorito pequeno que, Deus me diante, era o único deles que se libraba de ser un malnacido. O señor dicía que habería que facer a malla e xa non tiña máis que dicir: a malla do señor facíase primeiro llo carallo! Se había algunha encetada, pois quedaba pra outro momento. E nin sequera prestaba traballar pola comida, que na casa da Lama era onde peor daban: viño escaso, pan con queixo ll'adiós! Isto sería... aínda era a principios dos 70, que xa había quen tiña moto.

Lle en canto ó que preguntas, de si se celebrasen agora as eleuciós a quen votaría pois... non llo digo, que todo se sabe. Tedes boa teima de xeneralizar nas ciencias sociais, pero en País Pequeniño ben debíades saber que cada parroquia é un mundo. Andades a elaborar sesudos informes post-electorais, artigos de autoconsumo nos periódicos e no intené... Que sei eu! Todo sin ter en conta a ideosincrasia local, e así é inesato - coma toda xeneralización, Dios me diante -. Vale, que o groso da poboación está onde está, ben vexo aquí en Lagadores, que tododiós marchou pa Vigo, pero hai unha diagonal rural interior que credes que funciona dun xeito uniforme... e non vós é así! 

Non comprendedes na ciudá que aquí, en Lagadores, funciona o estilo cacique bon - cacique menos malo. Estatutos das asociacións de veciños? pff, que dis oh! Aquí funciona o sistema de liderádego, que é compartido, iso si. Cada quen para o seu. Requisito: ou ser do PP e estar onde se move a guita - por miserento que sexa o que se poida rapañar - ou ter unha credibilidade ética asentada en anos de participación comunitaria sen tacha. Medias tintas en Lagadores non, eh! Que che somos moi nosos e, por iso mesmo, así nos vai.


6 ene 2013

Historias "dos antigos dantes" (I): o señor Evaristo do Cima do Lugar.

Corredor da casa do Maruxo, nas Casas, Santiorxo.
"Os antigos dantes" é a expresión coa que xente maior destas terras de Sober denominan ás xentes que viviron aquí cando aínda se buscaban os tesouros dos mouros co Ciprianillo. O límite cronolóxico entre o tempo "dos antigos dantes" e dos nosos maiores podemos situalo coa aparación da pólvora que, segundo algúns, foi o factor determinante que rematou con todo iso dos aparecidos e da Compaña polos camiños.
"Os antigos dantes" son case seres míticos que labraron maxistralmente a pedra e a madeira, construíron paredes "direitiñas" ou "sentiron" o estrondo de cadeas de ouro a fundirse no Sil. Pero, claro, para quen nacimos nos tempos do "desxeo" da "Guerra Fría" os nosos "antigos dantes" son as xentes que contan as historias dos "antigos dantes", xunto coas súas propias, trasladándonos as peripecias da vida cotiá da primeira metade do século XX coma un Cosmos rico, único, salvaxe por momentos, alonxado desa visión ideal que ás veces temos das comunidades tradicionais e, certamente, irrepetible.
As historias "dos antigos dantes" non son aptas para mixiricas, quedan vostedes avisad@s.

NOTA - Da seguinte historia, recopilada e recreada a partires de conversas co Quintín de Barreiros, en Santiorxo, cambiáronse os nomes reais, tanto de persoas coma de lugares, pero as "anédotas" e as expresións sonvos verídicas.


Capela da Carballeira, Doade.
O señor Evaristo do Cima do Lugar traballou no Salto de Santo Estevo, coma moitos homes daquela. Mentras durou a construción da presa erguía cediño todas as mañás, acompañado da Lola de Sanxís, coa que casara, que lle servía sempre o almorzo na mesa antes dil saír.
Era ben disposta a Lola. Non só lle poñía comida no prato, senón que o acompañaba un treito do camiño a aquelas horas nas que aínda non amencera. "Fágoche compaña un bocadiño", dicíalle ao señor Evaristo pero, de volta, paraba na casa dun solteiro e metíase con il na cama. Ao cabo, a Lola llestoutro home marcharon traballar a Bilbao, levando consigo á filla que ela tivera co señor Evaristo. Así, o Evaristo do Cima do Lugar, co seu falar parsimonioso, quedou só e, cando rematou o traballo no encoro, andaba a xornal ao que caíse.

Certo día, a Pilocha do Mato, unha muller tan delgada que era "pel e osos", pediulle ao Evaristo que lle fose rozar os toxos. Dito e feito, alá foi el todo emocionado pensando nos cartiños que tería no peto, pois dicían que a Pilocha tiña unha boa herencia, que por iso casara con ela o Ramiro da Grila, abandonándoa ao pouco tempo, e non porque andivese con moitos homes, que iso el llo aceptaba, senón pola pouca hixiene que había naquela casa.

O Evaristo do Cima do Lugar rozou a feito durante todo o día - xa vía os cartos caendo do ceo - e, ao chegar a tardiña, alá foi cobrar onda a Pilocha. Pero ela díxolle que "Cartos non hai, como non queiras cobrar doutra maneira...". "Caraaaaaallooo" - contaba o señor Evaristo -, "despois dun día de roza tiña eu boa gana pero... pra non perdelo todo!" E así presumía da fazaña: "Caraaaaaaalloooo, tremelicaba a pixa coma nun saco de ósos".

Parece que, con todo, o Evaristo se arrimou algo á Pilocha que, dunha vez, xunto con outro home, o emborrachou e se meteron os tres na cama, sen lembrar o señor Evaristo o que alí pasara: "Caraaaaaaaaaaaaaalloooooo, fixéronma boa".


Así era o señor Evaristo, un home moi dado a que se meteran con el.

Un ano, pola festa de Amandi, o Evaristo andaba medio pinplado e, dándolle ganas de mexar, foino facer mesmo ao lado do palquiño redondo que había antes. Alí estaba todo pachorro a mexar, de xeito calmado, tal como el era, cando uns rapazolos do lugar lle tiraron un ourizo á pirola. "Caraaaaaaaaaaaaaaaalloooo - contaba el -, "non sabedes o que me pasou. Estaba mexando debaixo dun castiñeiro e caiume un ourizo na pixa: pasei toda a noite catándoa, caraaaaaaaaaaaaaaaaaaaaalloooo."

Na Vacariza, Neiras.
Tamén outro ano, na escasulla do millo, a Ramona da Grila non perdeu ocasión de meterse co señor Evaristo. Estando na faena coas mazarocas, a muller pasou a man pola cona da Maruxa de Casar de Cima e deulla a cheirar ao Evaristo. "Caraaaaaaaaaaaaaaaaaaaalloooo, é coma bacallau podre". Pasou logo a Ramona a man pola súa propia perrecha e volveulla poñer no nariz ao Evaristo: "Caraaaaaaaallooo, esto xa che é outra cousa". O caso é que as mulleres lle acabaron tirando ao Evaristo un balde de auga fría polos pantalóns abaixo. "Caraaaaaaaaaaaaallooo" - lamentábase el - "podían colgar a parruxa dun pino para que lla picaran os corvos".

Andado o tempo, ao señor Evaristo, coas facultades xa algo minguadas, levouno un sobriño para Vigo, onde coñeceu o mar. A primeira vez que alí foi á praia, nada máis chegar, viu a unha moza botando crema polo corpo e, coma un raio, alá foi el axudarlle a extender o potingue, recibindo unha labazada da rapaza e unha reprimenda do sobriño: "Usté pensa que esto é coma andar coas ovellas na Veiga". Ao que repuxo o Evaristo todo cheo de razón: "Caraaaaaaaaaaaaaaallooo, por riba de que eu non lle ía cobrar nada".

Así eran as historias do señor Evaristo do Cima do Lugar, que andaba sempre coa boina ladeada e que morreu, sen conseguir adaptarse á vida urbana, atropellado polo tren en Chapela, que Deus o teña na Gloria.