“...
un lustro de nuestros días equivale
a
un siglo de nuestros abuelos.”
Abad
de Santillán, 1970.
Cando
a María da Cortesa viu funcionar unha televisión por vez primeira
na casa do Cabarco non se lle acordou outra cousa, tan atenta como
era, que preguntar: “E logo a esa xentiña daí, non haberá que
prepararlle algo de comer?”
A
María da Cortesa, sen ela sabelo, era exemplo vivo do gran cambio
social que experimentou a Humanidade nas décadas posteriores á IIª
Guerra Mundial e que mudou para sempre ao planeta e ao ser humano. E
é que ela nacera nun mundo campesiño non moi diferente ao dos seus
antigos de séculos atrás e morreu cando un seu neto estudaba para
enxeñeiro na Escola Superior de Informática de Ourense.
Erick
Hobsbawn, tamén el testemuña dun século enteiro, describe o
periodo dos “anos dourados” do capitalismo (1945 - 1973) comos os
da “Gran Revolución Social”, caracterizada pola extinción do
campesiñado – nas periferias alongado ata os 80 -, a explosión da
poboación mundial, a urbanización, a diversificación e atomización
do proletariado, a distribución de bens de consumo non perecedeiros
entre as masas, os avances exponenciais da ciencia e da tecnoloxía,
cada vez máis aplicados á vida diaria, os pasos dificultosos e firmes, pero
insuficientes, cara a emancipación feminina ou a universal e
fulgurante “privatización da existencia”. Pensémolo ben: de
non saber o qué era unha televisión a que o “estás bébeda Shue
Ellen” pasara a formar parte da cultura popular mediou menos dunha
xeración. Houbo xente de Proendos que viviu a explosión de
subversión e creación comunitaria dos entroidos dos anos trinta e
chegou a coñecer a paparraxada de Entroido institucional organizado
polo Concello nos 90.
As
xentes que viviron a cabalo entre un mundo antergo, con raiceiras
claras no periodo de domesticación de prantas e animais hai uns dez
mil anos, e un mundo movedizo, globalizado e, por veces,
deshumanizado, non sempre se souberon adaptar aos cambios.
Comprendede a
actitude, entón, das familias que, na Chapela dos cincuenta, se
vestían de domingo para ver “o parte” na televisión. O
desarraigo destas xeracións de transición, a cambio, deixounos
anécdotas ben paveras, dun “realismo máxico” sublime, coma a
da tris-avoa dun rapaz de Casares que cando a cadeliña Laika foi
enviada ao espacio exterior e o feito coincidiu cunha tempada de
choivas coma nunca se vira, dira en dicir toda circunspecta: "ai,
Diosmiu! Os rusos mandaron a cadela para alá arriba, abriron un
buraco e agora chove seguido."