28 may 2014

Bomb Art: comentario persoal


* Tal vez teña algo de posmodernidade o feito de comentar ás presas unha obra de arte no sentido de amosar que asimilamos as características da arte posmoderna para así obter a confirmación administrativa de que realizamos un cursiño universitario. Trataremos de axustarnos ao formato pedido e de elaborar un relato propio a partir da obra, algo, precisamente, moi posmoderno.


Bomb Art (2011)
Michelin Rodríguez (Venezuela, 1982)
Técnica mixta: acrílico / spray sobre madeira / stencil
Dimensións: 110 cm x 80 cm

A obra Bomb Art – que forma parte da serie Street Decó 2011-2012 – preséntanos unha serie de 6 retratos idénticos dun neno ataviado con pano “palestino”, realizados en negro e outra cor (diferente en cada un dos retratos) sobre fondos planos de cor intensa. A obra está realizada sobre madeira con técnica mixta, que inclúe acrílico, spray e stencil.

O autor, Michelin Rodríguez, mozo artista venezolano afincado en Monforte de Lemos, adícase á pintura e ao deseño, con obras pictóricas e obra urbana inserida no post-graffitti.

Entre os elementos da posmodernidade artística que podemos achar na obra citada está a seriación, as citas autorreferenciais da propia arte - neste obra, á arte pop e ao post-graffiti -, a reflexión política, o discurso sobre a identidade latinoamericana, a ironía e o o paradoxo – neste caso, o contraste entre a realidade brutal da guerra e o colorido da pintura -, ou na hibridación de materiais – aquí mixtura de stencil con materiais propios do graffitti -. A obra de Michelin Rodríguez non asume, iso si, a fragmentación da sociedade ou a falta de compromiso propia de certa posmodernidade.

Nesta obra, Michelin ascolle tema e estética populares nun formato sinxelo e apreciable polo espectador medio. Máis que só arte política, poderíamos mesmo falar de arte activista – xurdido nos 80' – que busca a implicación do espectador; ademais, Michelin usa nesta obra elementos populares identificables e está realizado con medios técnicos baratos, introducindo o paradoxo – moi posmoderno – do contraste entre materiais pobres e vontade de obra de arte perdurable e de temática universal.
Precisamente, as obras de Michelin desdebuxan a oposición arte inferior - arte superior, mixturando temáticas “cultas” con técnicas da arte de rúa, con eclecticismo e citas da propia arte, como se reflexa na obra comentada, cita de Andy Warhol e cunha pose da personaxe moi similar ás de Bansky, artista ao que cita noutras obras Michelin Rodriguez.

O paradoxo, a “revolución bonita”, o xesto de carraxe dun neno (cun fondo de tristura) feito arte pop; un xogo de contrastes intencionado, unha reflexión sobre a violencia. O autor, de Venezuela, coñece a realidade social latinoamericana das últimas décadas que está no trasfondo do cadro, e por iso quizais está nesta obra a reflexión crítica sobre a exaltación da violencia revolucionaria – plasmada na elección dun neno como suxeito revolucionario - , ou o tema da necesidade imperiosa da revolución ante a situación social pero que non esquece as sombras daquela, tema este que poderíamos decir que nace coa arte moderna (a dos “modernos”), cando a pintura da época napoleónica retrata o lado de morte e destrución das glorias imperiais francesas ou cando Goya relata nos seus gravados os “soños da razón”. Pódese apreciar tamén unha certa reflexión sobre a identidade, sobre o arquetipo de latinoamericano revolucionario post-levantamento zapatista. E mesmo unha chamada de atención sobre a realidade da pobreza latinoamericana, uns ollos que “acusan” a espectadores dunha Europa que sigue a senda do empobrecemento da maioría social; uns ollos dun neno latinoamericano que provocan unha identificación cas nenas e nenos empobrecidos de Europa precisamente nun ano, o 2011, de explosión de contestación social (revoltas árabes, 15M...) ante a crise económica global.

A intervención urbana a modo do post-graffiti é un formato moi querido polo artista, que busca remover as conciencias das persoas espectadoras, aspecto este que impregna a maioría das súas obras, coma esta, inserida na serie Street Decó 2011-2012, que é un conxunto de fogonazos, de chamadas de atención sobre a realidade. Mesmo o tema da obra e o estilo de pintar son similares ás intervencións urbanas de Michelin Rodríguez.

Arte crítica, decididamente política - no caso desta obra, sen sutileza algunha -, que busca a implicación da persoa que contempla, nun contexto dunha cidade en crise permanente – o Monforte en decadencia na Galicia interior – pero con certa apatía social.

Un artista que se vincula máis ao entorno social que aos circuitos artísticos – moito menos aos elitistas -, e que asume temáticas combativas e que animan á reflexión persoal: o ecoloxismo, o antibelicismo, a crítica á deshumanización das sociedades de consumo, a desolación que produce a pobreza... todas na estela da arte política posmoderna.

24 may 2014

Algún día seremos grandes



Algún día seremos grandes.
Cando non rabiches por se visto camisola verde ou violeta e te preocupes só porque a leve, para que non pase frío e poida saír a xogar, seremos grandes.
Pensa no que che digo, porque só cando sexamos grandes nos deixarán ir ao cinema entre semana ou deixar as rodas da bici no asfalto.
Non é que vaia ser sinxelo, pois xa ninguén nos dirá se nos pasamos co azucre no iogur, nin nos lembrará da mantiña para os pés da cama. Pero seremos grandes e saberemos que alá cada quen, que a liberdade é o maior ben do ser humano.
Cando sexamos grandes rememoraremos con querencia a nosa nenez nas tardes morriñentas do outono, pero iso será só porque esquezamos o que doe ir quedando sen avoas ou que che pisen un pé os nenos abusóns da clase.
E, si, seguiremos pasando os domingos de inverno ao redor do lume argallando castelos de papel no aire, pero seremos grandes, que carai, seremos grandes.
Algún día seremos grandes.

* A foto é: Nenos, niños e ovos, de Xosé Castro (1962), e está collida dun artigo de Margarita Ledo Andión (aquí).