3 feb 2015

Só van quedar os xabaríns: a comarca de Lemos perdeu case 2000 persoas dende o inicio da “crise”


O día da lotería de Nadal o IGE publicou a última revisión do Padrón Municipal de habitantes dos concellos de todo o Estado e á comarca de Lemos, dende logo, non nos caeu “o Gordo”.
Neste territorio, tento en conta os municipios de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, Saviñao e Sober, habitamos, a data de 1-1-2014, 31.876 almas (en pena), perdéndose 1910 habitantes dende que estourou a crise financeira global en 2008. Se comparamos con 1996, a comarca perdeu 4.815 habitantes.

A estrutura por idades da poboación comarcal revela unha pirámide invertida na que (cos datos do ano 2013) só un 9 % corresponde ás persoas de menos de 15 anos. Un 56 % está na franxa entre 16 e 64 anos e un 35% ten máis de 65 anos.

En canto a emigración, 1113 persoas abandoaron a comarca en 2013 e chegaron 1155. Pero o saldo nacementos/defuncións foi de 157 a 586. Resultado: 387 persoas menos en 2013. E así vai a conta de todos os anos.

Esta sangría demográfica sucede nunhas terras bañadas por augas encoradas que producen enerxía eléctrica, nun fértil val con terreos apropiados para diversas actividades agrogandeiras, entre elas que se tivera desenvolvido un sector leiteiro de primeira, con industrias de transformación, ademais do viño e do sector turístico, que son dos puxantes da comarca aínda que, non se fagan ilusións: neste momento esta comarca sen as percepcións de xubilación case non podería subsistir.

Vexámolo. O paro na Terra de Lemos ascende a un 8,3%, ben inferior á media galega (20,2%). Pero é que a taxa de actividade (persoas afiliadas á Seguridade Social) é só dun 29,2% (53,9% é a media galega). Entre tanto, as persoas perceptoras de pensións na comarca en 2013 eran 10.410 (32,6% da poboación), das cales 8.832 tiñan máis de 65 anos.

Das 2.162 empresas da comarca o 60% non ten persoal asalariado e só hai dúas empresas (datos do ano 2013) que superan os 50 asalariados. Das 867 explotacións gandeiras, o 35% concéntrase no Saviñao.
Calquera pode darse conta de que a perda de actividade agrogandeira no rural incide negativamente no tecido empresarial comarcal e no pequeno comercio das vilas.

Cantas oportunidades e ilusións perdidas tivemos? O ferrocarril, desmantelado co cambio ao transporte de mercadorías por estrada (e agora está ameazado o taller de Renfe en Monforte); o leite, asasinado por unha política europea que penalizaba ás explotacións galegas; un Porto Seco que continúa seco de empresas... 
 
E xa que somos unha comunidade, a lemava, con problemas comúns, non parecería lóxico que este territorio, o de Lemos, de pouco máis de 31 mil habitantes e cunha coherencia histórica e xeográfica integrase unha única entidade administrativa comarcal en lugar de termos, como actualmente, seis municipios e fondos destinados ás administracións locais xestionados por unha entidade provincial con sede en Lugo? Ou, canto menos, non habería que ir tendendo á comarcalización de certos servizos? Cunha comarca nin existiría o conflicto polas lindeiras do Reboredo, porque teríamos un parque industrial comarcal.

Agora que veñen as eleccións, preguntémonos: pódese dende os gobernos municipais (moito máis no marco presupostario actual, coa imposición por lei da "austeridade") subvertir esta situación de decadencia económica da comarca? Non precisa esta comarca un plan económico global e específico por parte da Xunta, participado cos axentes sociais, políticos e económicos da comarca? Non sería mellor aplicalo dende unha entidade administativa comarcal que tivera os recursos que hoxe teñen os concellos e a Deputación, con máis competencias que as que actualmente teñen os municipios? Ademais, esa descentralización administativa xeraría movemento económico.

Para acometer esta tarefa farían falta modificacións constitucionais e do réxime xurídico político de Galiza, pero: acaso non se precisan neste momento modificacións tanto ou máis radicais cando estamos a comprobar os límites dunha Transición que permitiu unha economía de casino e déficits democráticos?

Situacións límite requiren medidas audaces, pois de continuar así nin a declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra podería revertir esta situación das Terras de Lemos. É certo que non é igual o estado de todas as zonas pero, en xeral, temos unha poboación envellecida e cada vez máis dependente, nun contexto de recortes na Lei de Dependencia e en servizos sociosanitarios (para exemplo, a baixa de médico da Pobra do Brollón que non se repón ou a falta de servizos de radioloxía e radioterapia en Lugo, tendo que ir a Coruña a xente enferma de cancro desta comarca para recibir tratamento), e poucas oportunidades de emprego. Iso tradúcese socialmente nunha sobrecarga de coidados sobre as mulleres, fundamentalmente, e en abandono, depresións... suicidios. De feito, Lugo é a provincia do Estado con maior taxa de suicidios.

Pese a todo, esta comarca ten as potencialidades necesarias para construír unha economía sostible que permita unha vida digna a moita xente. Pero, que máis ten! Total, estes catro pelagatos pouco importamos no conxunto do mundo e sobrevivir, imos sobrevivindo. A mágoa é que en breve tempo esto será pouco máis que lugar de paseos turísticos e coto de caza para ricachóns, que hai noites que saes e atopas a máis xabaríns que xente. E ollo! Que nin xabaríns van quedar por unha política errada de caza que os está a exterminar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario