O
día da lotería de Nadal o IGE publicou a última revisión do
Padrón Municipal de habitantes dos concellos de todo o Estado e á
comarca de Lemos, dende logo, non nos caeu “o Gordo”.
Neste
territorio, tento en conta os
municipios de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón,
Saviñao e Sober, habitamos, a data de 1-1-2014, 31.876 almas (en
pena), perdéndose 1910 habitantes dende que estourou a crise
financeira global en 2008. Se comparamos con 1996, a comarca perdeu
4.815 habitantes.
A
estrutura por idades da poboación comarcal revela unha pirámide
invertida na que (cos datos do
ano 2013) só un 9
% corresponde ás persoas de menos de 15 anos. Un 56 % está na
franxa entre 16 e 64 anos e un 35% ten máis de 65 anos.
En
canto a emigración, 1113 persoas abandoaron a comarca en 2013 e
chegaron 1155. Pero o saldo nacementos/defuncións foi de 157 a 586.
Resultado: 387 persoas menos en 2013. E así vai a conta de todos os
anos.
Esta
sangría demográfica sucede nunhas terras bañadas por augas
encoradas que producen enerxía eléctrica, nun fértil val con
terreos apropiados para diversas actividades agrogandeiras, entre
elas que se tivera desenvolvido un sector leiteiro de primeira, con
industrias de transformación, ademais do viño e do sector
turístico, que son dos puxantes da comarca aínda que, non se fagan
ilusións: neste momento esta comarca sen as percepcións de xubilación case non
podería subsistir.
Vexámolo.
O paro na Terra de Lemos ascende a un 8,3%, ben inferior á media
galega (20,2%). Pero é que a taxa de actividade (persoas afiliadas á
Seguridade Social) é só dun 29,2% (53,9% é a media galega). Entre
tanto, as persoas perceptoras de pensións na comarca en 2013 eran
10.410 (32,6% da poboación), das cales 8.832 tiñan máis de 65
anos.
Das
2.162 empresas da comarca o 60% non ten persoal asalariado e só hai
dúas empresas (datos do ano 2013) que superan os 50 asalariados. Das
867 explotacións gandeiras, o 35% concéntrase no Saviñao.
Calquera
pode darse conta de que a perda de actividade agrogandeira no rural
incide negativamente no tecido empresarial comarcal e no pequeno
comercio das vilas.
Cantas
oportunidades e ilusións perdidas tivemos? O ferrocarril,
desmantelado co cambio ao transporte de mercadorías por estrada (e
agora está ameazado o taller de Renfe en Monforte); o leite,
asasinado por unha política europea que penalizaba ás explotacións
galegas; un Porto Seco que continúa seco de empresas...
E
xa que somos unha comunidade, a lemava, con problemas comúns, non
parecería lóxico que este territorio, o de Lemos, de pouco máis de
31 mil habitantes e cunha coherencia histórica e xeográfica
integrase unha única entidade administrativa comarcal en lugar de
termos, como actualmente, seis municipios e fondos destinados ás
administracións locais xestionados por unha entidade provincial con
sede en Lugo? Ou, canto menos, non habería que ir tendendo á
comarcalización de certos servizos? Cunha comarca nin existiría o
conflicto polas lindeiras do Reboredo, porque teríamos un parque
industrial comarcal.
Agora
que veñen as eleccións, preguntémonos: pódese dende os gobernos
municipais (moito máis no marco presupostario actual, coa imposición
por lei da "austeridade") subvertir esta situación de
decadencia económica da comarca? Non precisa esta comarca un plan
económico global e específico por parte da Xunta, participado cos
axentes sociais, políticos e económicos da comarca? Non sería
mellor aplicalo dende unha entidade administativa comarcal que tivera
os recursos que hoxe teñen os concellos e a Deputación, con máis
competencias que as que actualmente teñen os municipios? Ademais,
esa descentralización administativa xeraría movemento económico.
Para
acometer esta tarefa farían falta modificacións constitucionais e
do réxime xurídico político de Galiza, pero: acaso non se precisan
neste momento modificacións tanto ou máis radicais cando estamos a
comprobar os límites dunha Transición que permitiu unha economía
de casino e déficits democráticos?
Situacións
límite requiren medidas audaces, pois de continuar así nin a
declaración de Patrimonio da Humanidade para a Ribeira Sacra podería
revertir esta situación das Terras de Lemos. É certo que non é
igual o estado de todas as zonas pero, en xeral, temos unha poboación
envellecida e cada vez máis dependente, nun contexto de recortes na
Lei de Dependencia e en servizos sociosanitarios (para exemplo, a
baixa de médico da Pobra do Brollón que non se repón ou a falta de
servizos de radioloxía e radioterapia en Lugo, tendo que ir a Coruña
a xente enferma de cancro desta comarca para recibir tratamento), e
poucas oportunidades de emprego. Iso tradúcese socialmente nunha
sobrecarga de coidados sobre as mulleres, fundamentalmente, e en
abandono, depresións... suicidios. De feito, Lugo é a provincia do
Estado con maior taxa de suicidios.
Pese
a todo, esta comarca ten as potencialidades necesarias para construír
unha economía sostible que permita unha vida digna a moita xente.
Pero, que máis ten! Total, estes catro pelagatos pouco importamos no
conxunto do mundo e sobrevivir, imos sobrevivindo. A mágoa é que en
breve tempo esto será pouco máis que lugar de paseos turísticos e
coto de caza para ricachóns, que hai noites que saes e atopas a máis
xabaríns que xente. E ollo! Que nin xabaríns van quedar por unha
política errada de caza que os está a exterminar.