6 abr 2016

A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!

Leiteira, de Ruth Matilda Anderson.
Pois claro que Ada Colau tiña que estar vendendo peixe ou calquera outra ocupación desta calaña, propia das clases baixas. A quen se lle ocorre! Chegar a alcaldesa de Barcelona unha muller que non herdou posición social nin fortuna; que non ten a pertinente colección de rimbombantes títulos académicos, másters carísimos ou matrículas de honra en prestixiosas escolas internacionais que pendurar do salón familiar; que carece das medidas corpoestéticas adecuadas ao canon patriarcal publicitario. Se nin sequera goza de relación marital con alto empresario de negocios! Onde se viu tal?

E é que Ada Colau molesta mesmamente por iso. Ada molesta. Molestamos. Porque, a pesares de levarmos nos xestos as marcas dunha secular pertenza ás clases subalternas, se rebela (nos rebelamos) contra os “peares das sociedades”.

Molesta porque, si, Ada Colau podería ser mesmamente peixeira, limpadora, prostituta ou física nuclear. Porque Ada Colau podería ser calquera das xentes que sosteñen o mundo e non só desa elite que, malia todo o avanzado, aínda é a que maioritariamente accede á instrucción superior e ás instancias políticas máis elevadas. 

Onde se viu tal? Unha alcaldesa da cidade máis chupi-cool da península ibérica que pon a dor e o amor no centro da vida política; a vida, en suma. Porque sabe (sabemos) que, paradoxicamente, a rexeneración política vén de situar no centro da cousa pública, na sagrada ágora de debate dos próceres (masculinos) da polis un grande montón de merda. Merda, mocos, menstruo, leite... En definitiva: os fluídos corporais que a diario recollen - maioritariamente - mulleres. Mulleres pobres. Os tan mentados "coidados". Para que non se vexan. Porque, xa se sabe, ese mundo visceral oposto á claridade e orde burguesa mellor só na arte e na industria do entretemento, que aí mesmo xera capital.

Onde van esas tolas! Se son fillas das que aínda antonte andaban cos peíños descalzos vendendo o leite aos señoritos das vilas! A quen se lle ocorre, Ada, chegar a Alcaldesa!